martes, 28 de febreiro de 2017

Sin título

Tullet, Hervé (2013), Sin título, trad. Esther Rubio, Francia: Kokinos, [38 pp.] (ISBN:978-84-92750-96-2).



Breve descrición do formato e contido: conto ilustrado que se caracteriza por ter unha forma rectangular, coas tapas duras e os cantos rematados en punta. En canto á cuberta, no centro atopamos o título do libro en letras maiúsculas; na parte superior aparece o nome do autor en letra máis pequena. O fondo é de cor branca e ten algúns personaxes principais debuxados por toda a tapa. Por outro lado, na contracuberta, atopamos unha breve descrición do libro na que se dirixe directamente ao lector, xunto cunha foto do autor e algúns garabatos ao redor . Neste caso utilízanse diferentes tamaños de letra, para darlle un ton diferente ás frases que están entre parénteses. Utilízase unha gran variedade de cores.



En relación ao interior da obra, este libro destaca pola súa orixinalidade, xa que non é común que un libro teña este título. As ilustracións mesturan diversas técnicas, estando compostas de debuxos, fotografías e múltiples garabatos, dando a impresión de que son follas pintadas por algunha persoa e non un libro común. Ademáis, aparecen fotografías do propio autor, algo que o lector non agarda. Éstas abarcan as páxinas impares e pares, dando lugar a ilustracións dun gran tamaño. Nalgunhas follas non aparece ningunha frase, sendo o debuxo o elemento principal, e noutras van aparecendo os diferentes diálogos que teñen todos os personaxes entre si. En canto á letra, xógase co seu tamaño, enfatizando así algunhas palabras, que aparecen en distintas partes dependendo da páxina na que nos atopemos. As frases son breves e emprégase un vocabulario sinxelo. As cores son moi variadas: cada personaxe aparece sempre coas mesmas cores, variando unicamente os garabatos que os rodean; isto tamén inclúe a diversidade, pois todos os personaxes son diferentes e conviven nun ambiente de respecto. Na maior parte das follas emprégase un fondo branco, exceptuando as páxinas nas que se narra un conto moi breve, que teñen un campo como fondo, e as páxinas nas que os personaxes están ás escuras, sendo o fondo neste caso totalmente negro. 
O contido trata de dous debuxos que se decatan de que alguén abriu o libro e, como aínda non está acabado, tratan de entreter cos seus compañeiros o lector. De súpeto, decátanse de que nos contos adoita aparecer algunha historia e van chamar ao autor, que aínda está rematando esta obra, para que os axude.

Potencialidades: con esta obra conséguese que os nenos e nenas estean atentos ao que vai pasando, xa que, ao se dirixir ao propio lector, fai que sexa moi divertido e interactivo. Ademais causa impaciencia e esperta a imaxinación dos nenos e nenas polo que pasará na seguinte folla, grazas á súa variedade de ilustracións e cores. É un bó recurso á hora de traballar a diversidade, xa que todos os personaxes que aparecen na obra son distintos. Seguindo a temática do libro, pódese animar aos nenos/as que inventen e debuxen a súa propia historia, alimentando así a súa creatividade. Outra potencialidade é que os nenos tamén poden imaxinar outra historia guiándose polos debuxos, imaxinando o que vai pasando. E o máis importante e do que vai o propio libro: ao non estar rematado, poden ser os propios nenos os que inventen o final. 

5 comentarios:

  1. Creo que hai que mellorar as potencialidades. Tamén merece unha reflexión o título do libro, que é moi pouco común!

    ResponderEliminar
  2. Creo que é unha obra que xa dende o comezo, co seu titulo tan pouco frecuente, nos da pistas do seu contido: non está rematada. Isto pode desconcertar ao principio aos máis pequenos e pequenas, e incluso aos adultos, pero tamén é unha forma de achegar a interactividade coas personaxes e incluso co propio autor, algo pouco convencional e, sobre todo, ameno. Opino que o título pretende dicir que poden ser as propias nenas e nenos quenes lle poñan nome e poidan inventar a súa propia historia en colaboración co autor e os protagonistas. Deste xeito, esperta neles o abraio e a intriga ao introducirse na implicación da hitoria e, por esta e outras razons, tal e como dixo a miña compañeira, é un recurso moi útil para o desenvolvemento da imaxinacion.

    ResponderEliminar
  3. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  4. Eu tamén salientaría como aspecto importante da obra o seu carácter interactivo, común a tódalas obras deste autor: Un libro, Colores...
    Nelas invita ó lector a xogar coa súa intuición e imaxinación en libros aparentemente moi sinxelos,pero cheos de plasticidade e creatividade, que os fai tan atractivos para os máis pequenos.

    ResponderEliminar
  5. Cabe salientar tamén a importancia que teñen as imaxes do libro, que semellan feitas por nenos cativos, o que resulta un método pouco común que podemos atopar asimesmo noutro conto moi relevante, como é "A galiña azul".

    Outro aspecto inusual que caracteriza o contido deste libro e a aparición do autor no interior do mesmo, o que fai o libro moi didáctico e achega aos máis cativos o mundo da literatura infantil, ensinando o proceso creativo que todo conto infantil agocha tra-las súas páxinas.
    Trátase dun conto para nenos de idades máis avanzadas, xa que require unha comprensión maior por parte do lector.
    En definitiva, o libro "Sín título" (que xa nos da unha clara mostra de intencións na súa portada, adiantando que será algo inesperado) resulta unha opción moi interesante a ter en conta en toda biblioteca infantil, por afastarse dos contos convencionais e dotar de gran singularidade ao mundo da literatura para os máis cativos.

    ResponderEliminar