venres, 17 de marzo de 2017

A cousa que máis doe no mundo

Liván, Paco (2005), A cousa que máis doe doe no mundo, ilust. Roger Olmos, Pontevedra: OQO (+3 anos) [30 pp.] (ISBN: 84-96573-13-3).

Breve descrición do formato e contido: O conto preséntasenos cun formato cadrado e tapa dura, no que a imaxe que da cor á cuberta e á contracuberta é continua, é dicir que  é unha mesma imaxe.


Na cuberta amósansenos as dúas personaxes principais da historia, a hiena e a lebre, e o título da mesma. Nela tamén aparecen o nome do autor e o ilustrador da obra. Na contracuberta observamos unha pequena paisaxe do mundo no que se desenvolve a obra e un dos seus habitantes, unha cabra.  
As ilustracións que este libro nos amosa son moi imaxinativas e pouco comúns, con  formas esaxeradas, cores que fan resaltar certos puntos das imaxes que poden pasar desapercividos, escenas que non teñen que ver ca realidade, e demais detalles polos que merece a pena ler o libro.
A obra é unha adaptación que Paco Liván fixo dun conto orixinario de Costa de Marfil, no cal se lles amosan aos nenos valores como é o de non mentir.
As personaxes desta historia son un claro reflexo da nosa sociedade e da hipocresía que podemos alcanzar os seres humanos.  Neste caso, a lebre plantéxalle á hiena unha cuestión: cal é a cousa que máis doe no mundo?. A lebre dille que é a mentira, e a hiena, non a cré. Entón, a lebre decide argallar un plan para demostrarlle que si, que a mentira é o que máis doe no mundo.

Potencialidades: O principal motivo polo que escollín este libro foi polo ilustrador, xa que é un dos meus favoritos e me sorprendeu atoparme con este libro por casualidade ilustrado por Roger Olmos. Ao ler o libro, decateime de que era fantástico, xa que nunca lera unha historia plantexada deste modo ao redor da mentira.

Paréceme que é un libro moi recomendale para lerlle e que lean os máis cativos, xa que a historia está feita nun ton humorístico que fai que os pequenos lectores se enganchen a esta peculiar argallada.
A maneira na que o autor nos transmite a dor que produce a mentira, creo que é moi significativa para os nenos e nenas, poñéndose na pel tanto da hiena coma da lebre poderán sentirse identificados se alguén lles mentiu algunha vez ou se eles mesmos mentiron e deste modo saberán o moito que doe.
A historia claramente educa en valores, algo moi importante nesta etapa da vida dos nenos e nenas, á vez que se nos propón unha divertida historia para ler tanto en familia, coma na escola, ou incluso facer unha representación da mesma, xa que deste modo os pequenos lectores levarían a cabo unha dramatización coa que interiorizarían mellor o proposto na historia.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario