mércores, 22 de marzo de 2017

A galiña azul.

Casares, Carlos (1968). A galiña azul, debuxos de Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso, Vigo: Galaxia, [32 pp.] (ISBN: 978-84-9865-010-5).

Breve descrición do formato e do contido: Estamos ante unhas das primeiras obras editadas en galego para a infancia e a xuventude, unhas das principais creacións clásicas da narrativa galega para este público. Esta, foi a gañadora do primeiro premio do I Concurso Nacional de Contos Infantís en Galego O Facho en 1968, o mesmo ano no que se publicou.
É un libro rectangular de tamaño medio, 20 x 16 cm que conta con 32 páxinas. Na cuberta aparece o nome do autor, da editorial e o título nunhas letras moi peculiares e de distintas cores, na contracuberta encontramos unha breve descrición do contido; ambas están encadernadas en cartón duro e atópanse unidas pola ilustración, xa que é a toda páxina. No interior, as follas son de papel normal cun fondo branco excepto as gardas, que son azuis e sen ningún tipo de gráfíco. O texto aparece en letras minúsculas, grandes e claras alternándose coas ilustracións. Estas, vemos que son moi sinxelas e concretas, ilustran o máis resaltado do texto; carecen de nitidez, xa que parece que están feitas por nenos e nenas, son de diversas cores, trazos grosos e algunhas non están completamente rematadas ou pintadas. É unha ilustración diferente pero chamativa.

            Respecto ao contido podemos dicir que toma forma dunha carta que vai dirixida a unha nena que marchou de Galicia con dous anos e, sete anos despois, un amigo seu escríbelle contando unha serie de historias para que non se esqueza das súas orixes; estas, son cinco, “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidades”, “A galiña azul”, “A formiga esquiadora” e “O final da galiña azul”, están entrelazadas e son moi curtas, cada unha delas transmítenos unha mensaxe. Son historias fantásticas e están protagonizadas por homes e animais con características peculiares e de carácter entrañable. O primeiro conta como un peixe morre intentándolle dar auga un paxaro moribundo. A segunda fálanos de Leoncio, un personaxe que inventou o idioma “papapío” para falar cos paxaros e as formigas e a bomba da felicidade, que estoupa derramando música, rosquillas e globos de cores. A terceira é a que lle da título ao libro, trata da galiña azul de Lorenzo que é característica pola súa cor, por ter a á dereita con cinco plumas vermellas, por poñer ovos de cores e porque fai cocorocó, o que non lle gusta nada as autoridades do pobo todas as diferenzas desta galiña. A cuarta conta a historia dunha formiga cunha pata rota e que era moi valente. E a última, segue coa historia da terceira, pero deixándonos unha pequena intriga do que sucede coa protagonista. O autor remata o libro citando que volverá a escribirlle máis historias á cativa.
Potencialidades: A galiña azul é unha obra que xa ten corenta e nove anos pero que a súa funcionalidade segue moi presente hoxe en día.  No “Teatro Infantil do texto á representación” vemos que se di que é unha obra de aire novo no seu momento, que introducía a fantasía sen renunciar a camiñar polo realismo crítico tan en voga no intre da publicación no Estado español e pouco tratado aínda en Galicia (Roig; Domínguez e Soto, 2007). Esta obra dou paso á liña crítica en discurso da diferenza.

          A través da historia móstrase a intolerancia e a inxustiza da sociedade, que a pesar dos anos segue tan presente. Casares fai unha crítica a estas calidades mostrando un mundo onde existen mostras de comportamentos solidarios e respectables; quere transmitir valores como a diversidade e ensinarnos que debemos buscar a felicidade, que non nos debemos asustar ante os problemas, temos que loitar polo que queremos e pola nosa propia identidade. O autor demostra todo isto cando os animais de diferentes razas se axudan entre eles, os veciños do pobo axudan a Lourenzo,... A diversidade é mostrada en cada unha das historias e sobre todo coa galiña azul, xa que por ser diferente a queren matar.
            Persoalmente creo, que a pesar de ser un libro difícil para os máis pequenos e pequenas comecen a ler a través deste, como mestras debemos telo presente para lerllo e traballar con el xa dende os tres anos para poder inculcarlle todos os valores tan importantes que nos transmite o autor. Os nenos e nenas aprenderá a buscar a felicidade nas pequenas cousa, a axudar aos demais cando o precisen e a non discriminar a ninguén por ser diferente. Por outra parte, creo que aínda que estea traducido a outros idiomas ou a reproduciran a diversas culturas, é algo que caracteriza a Galicia e que transmite a nosa esencia, quere conseguir que a xente, neste caso Ana, sinta a morriña.
Por último, dicir que se nos parece unha obra densa para o noso alumnado máis pequeno, podemos contarlla historia por historia; debemos buscar a forma de transmitir a maxia da lectura e sen desaproveitar obras tan importantes e divertidas como esta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario