domingo, 30 de abril de 2017

A pantufla de Celia

Blanco, Concha (2015), A pantufla de Celia, ilust. Dani Padrón, España: Hércules de Ediciones [34 pp.] (ISBN: 978-84-92715-97-8).

Descrición do formato e o contido: O presente volume, escrito en idioma galego, é un libro ilustrado de formato cadrado e tamaño medio. Consta de cubertas en cor azul e de cartón ríxido, a dianteira impresa cunha ilustración que alude ao contido da obra e que posúe continuidade con respecto á traseira. Nesta ocasión as gardas non se conforman como un anticipo á historia que imos atopar senón que unicamente exercen a súa función de protección do libro.
Con respecto á escrita, este libro conta a historia de como unha nena, Celia, atopou unha compañeira que fixo desaparecer os seus pesadelos pero non era calquera cousa senón unha pantufla en forma de vaca cuxa voz é a narradora de toda a historia. A pesares de ter que mercar a parella da pantufla esta foi para o irmán da pequena, ela só precisaba unha. Durante a lectura destaca a gran cantidade de rimas que presenta o texto, un aspecto que fomenta que a musicalidade e a sintonía nos acompañen na lectura.
En canto as ilustracións debemos precisar que o elemento que máis destaca ao longo de toda a obra é o rabo de vaca que ten a pantufla. A sinxeleza das ilustracións é o máis destacable xunto co feito de que en todo par de páxinas se conforma un único debuxo no que podemos observar un intento de destacar aos personaxes humanos e, concretamente, unha parte do seu corpo, as mans que os axudan a conseguir aquilo que desexan.

Potencialidades: neste sentido resultaría moi interesante traballar cos nenos e nenas os tipos de rimas ensinándolles como podemos construílas e como estas axudan a inserir algúns coñecementos na nosa memoria. Ademais sempre nos poderiamos somerxer no mundo dos animais xa que na obra, aínda que con forma de pantufla, fálase dalgúns deles. Outra temática pertinente serían os oficios, cuxo aprendizaxe nos permitiría levar a cabo unha apertura ao entorno favorecendo o coñecemento dos que están presentes no noso entorno máis próximo.

Tratando de potenciar a creatividade, poderiamos pensar en todo aquilo que podemos facer coas nosas mans e deseñar e crear con teas de cores unhas pantuflas para andar pola clase o máis cómodos posible, ao mesmo tempo que traballamos a motricidade fina cos nenos e nenas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario